sexta-feira, 25 de fevereiro de 2011

Emigración abre o prazo para os cursos presenciais do programa de Escolas Abertas 2011

Os beneficiarios serán un centenar de cidadáns residentes no exterior, que accederán a formación de graos intermedio e avanzado en diversas especialidades.

A Secretaría Xeral da Emigración ven de facer pública a convocatoria das bases para os obradoiros de formación e especialización de carácter presencial previstos no Programa Escolas Abertas 2011, dirixido tanto ás comunidades galegas no exterior como a cidadáns individuais residentes no estranxeiro, e que terán lugar no vindeiro mes de xullo.

As solicitudes deberán presentarse no prazo dun mes, e pódense elevar tanto á sede da propia Secretaría Xeral en Santiago, como ás delegacións da Xunta en Bos Aires e Montevideo, así como descargalas a través da web www.galiciaaberta.com, coa documentación e segundo os requisitos que detalla a resolución hoxe publicada no Diario Oficial de Galicia.

O número de beneficiarios acada o centenar, dos que 38 procederán de Arxentina, 12 de Venezuela, 12 de Uruguai, 10 de Brasil, 10 de Cuba, 6 doutros países americanos, 7 doutros países europeos distintos a España, e 5 doutras comunidades autónomas españolas distintas a Galicia.
A resolución tamén detalla o procedemento e criterios de selección dos participantes, tanto nos cursos de nivel intermedio (asociacionismo e xestión de asociacións e entidades sen ánimo de lucro, tecnoloxías da información e da comunicación, gaita tradicional galega, canto popular e pandeireta, e baile tradicional galego) como de avanzado (gaita tradicional galega, e baile tradicional galego). Cómpre salientar que se trata de disciplinas que contan cunha amplísima demanda nas entidades galegas no exterior.
Os participantes han ser sempre maiores de idade, menores de 35 para os cursos de formación de nivel intermedio, e menores de 55 para os de avanzado. Emigración farase cargo dos gastos necesarios para o desenvolvemento dos obradoiros, e tamén da estadía e viaxe de tódolos participantes.
 
Contratación das viaxes
Precisamente, o DOG tamén fai público hoxe o anuncio para a contratación, cun orzamento global de 105.000 euros, do servizo de desprazamento dos participantes no Programa, que na edición deste ano se desenvolverá en Lugo. Os pregos para esta contratación poden obterse na web www.contratosdegalicia.com, no prazo de 15 días naturais.

Nenhum comentário:

Postar um comentário